30/06/2007

Festas reivindicativas... ou non!

Hespaña se rompe e cada vez hai mais liberdade para que cada quen poida exercer a súa sexualidade. Con todo, non está de mais lembrar que non está todo gañado. Os heteros somos uns aborrecidos, non somos tan rexoubeiros para argallar estas festas reivindicativas.
Menos mal que nos quedan as romerías, festivais de música e papatorias populares.

Edito: en Santiago o próximo día 7 de xullo.

25/06/2007

Conto do Leituga

Apareceu nun seu comentario nas Uvas da Solaina, espero que me perdoe o uso non autorizado do seu texto:

Instituto urbano en Vigo, Coruña ou Ferrol, entre o centro e a periferia que se achega cada vez máis ao centro. Un profesor castelán-falante entra nunha clase de alumnos castelán-falantes (practicamente o 100%). El vén de falar en castelán coa súa mnuller, cos seus fillos, coa caixeira do súper, cos seus compañeiros. Fai o que fixo toda a vida, dende que era rapaz. Os seus alumnos falaron entre eles no recreo e só se escoitou algunha palabra galega -"carallo", "cona", "parvo"- nunha conversa desenvolvida toda ela en castelán. Talvez algún destes rapaces escoitou ese mesmo día algo de galego na casa, pero a maioría o único galego que escoitaron foron os ecos dalgunha emisión da TVG ou algún anaco de conversa no autobús. Tanto o profesor como eles utilizan habitualmente o castelán. Pero de pronto entran en clase e prodúcese unha transformación desas que, en relación cos políticos, adoita tildarse de "litúrxica". O profesor empeza a falarlle aos rapaces nun idioma que non lle resulta en absoluto estraño, que non descoñece, pero que tampouco é notoriamente o seu. Por suposto, comete múltiples erros sintácticos e léxicos, non coloca un pronome no seu sitio, deturpa os tempos verbais, utiliza incontables castelanismos e, se cadra para compensar, ata di "houra" en vez de "hora". De vez en cando, solta amplas parrafadas en castelán, coma se fose un descanso, e volve pouco despois a falar no idioma que lle resulta incómodo pero que é o legal. Ademais el está de acordo en que hai que "normalizar o galego".
Os rapaces, pola súa banda, escoitan con certa indiferencia. En realidade, dálles un pouco igual. Miran pola ventá. Fan que atenden. Algúns pásanse papeliños uns aos outros. "Bea está buenísima". "David está por mí". O que están desexando é que acabe a clase para poder aproveitar o tempo dedicándoo ao que verdadeiramente lles importa.
Soa o timbre. Rematou o paripé. Tras esta modesta pero imprescindible contribución á normalización do galego, o profesor é abordado por unha alumna máis ou menos aplicada e un pouco pelota que lle pregunta, en castelán, algo relativo á data dun exame. O profesor contéstalle, en castelán, e volve á sala de profesores, onde, eludindo a elección de "A Nosa Terra", lle botará un ollo ao xornal en castelán. Só un ollo á portada, pois enseguida chega un compañeiro que, en castelán, lle pregunta se non lle parece unha desfachatez a inciativa esa de "tangallegocomoelgallego".

Seguro que é unha visión realista. Pero por cada situación destas hai polo menos outra de profesor galego falante e alumnos galegofalantes que ven garantidos así os seus dereitos. Malia o que din por aí, o governo non está a impor unha língua, está a garantir uns coñecementos mínimos das dúas línguas oficiais na Galiza. Asegurar unha educación o mais completa posíbel malia a preguiza dalgúns ou o esnobismo doutros. Despois dos de tangallego e dos obxetores da educación para a cidadanía han chegar os creacionistas restrinxindo o acceso á información e formación dos mais novos. Aproveito para recomendar a visualización do video (49 min) "Línguas cruzadas", sobre a opinión que teñen da nosa fala os mozos na actualidade.

20/06/2007

Santa Liberdade

Non me refiro ao barco secuestrado e rebautizado por patriotas galegos. Falo do emprego capcioso que uns fanáticos fan deste termo para lles fechar portas aos seus fillos. Porque digo eu, para que estes que agora son meniños poidan un día escoller LIBREMENTE se se queren expresar en galego ou castelán deben recibir unha educación bilingüe, non?

13/06/2007

Visións

Qué terrible soedade, a lucidez. Ser a única que ve nun mundo de cegos, a única que sabe. Cal é a resposta, resignarse ou loitar? Quen lembra da queda de Troia a coraxe de Casandra, que afrontaba a verdade con afouteza e os ollos ben abertos, sabedora do horror que a agardaba (e maldita polos deuses). Cal é o sentido dunha voz que predica no deserto?

Edito mais unha vez para engadir a miña crítica do libro.